EVENTOS │FESTA III ANIVERSARIO ➤ El Muelle 1931 Shop (◉‿◉)
FESTA III ANIVERSARIO (Da Tenda Física)
“Dous días de música, autoedición e comunidade arredor do vinilo e outros formatos analóxicos para celebrar a cultura independente”
w/ Colapso Colectivo + Espazo Boh (Retratos Sonoros) & Liceo Mutante + Oficina Rúa (Retratos Sonoros) & Konrad Gmurek (Live) & AtripleA (Live) & Marysielo (Live) & La Isla Del Tesoro (Dj) & Chago (Dj) & LCTRCT (Dj)
Sábado 19 Setembro | 11:00 - 14:00 & 17:00 - 20:00 h
📍 ElMuelle1931 Shop (Rúa de San Pedro, 57)
RETRATOS SONOROS
w/ Colapso Colectivo (♬) & Espazo Boh (✎)
Liceo Mutante (♬) & Oficina Rúa (✎)
Domingo 20 Setembro | 17:00 - 22:00 h
📍 C.S. Da Caramoniña (Rúa da Caramoniña, 25)
Konrad Gmurek (Live)
AtripleA (Live)
Marysielo (Live)
La Isla Del Tesoro (Dj)
Chago (Dj)
LCTRCT (Dj)
RETRATOS SONOROS
RETRATOS SONOROS é unha sorte de clube do disco ilustrado: un espazo pequeno, sen pretensións, para compartir música, conversar e deixar que os discos falen por nós. Un xogo de espellos entre o son e o trazo, entre quen escoita e quen debuxa. Unha xornada para desfrutar de música e ilustración na compaña das nosas veciñas nun refuxio de melómanos no barrio de San Pedro.
w/ Colapso Colectivo (♬) & Espazo Boh (✎)
♬ COLAPSO COLECTIVO é un punto de encontro para persoas artistas e afeccionadas á arte sonora e visual.
O seu obxectivo é dar visibilidade a propostas pouco convencionais, apoiando a realización e presentación de proxectos artísticos arriscados, facilitando o diálogo entre creadores e espazos e incidindo na importancia do seu rol nos procesos de transformación social.
Partindo dun especial interese polo fenómeno sonoro, esta vontade expándese cara outros ámbitos procurando o intercambio fluído de coñecementos, mediante a programación de diferentes actividades culturais, lúdicas e pedagóxicas e atendendo especialmente ás prácticas máis experimentais.
✎ Sempre custa describir ESPAZO BOH en poucas palabras, porque este proxecto son moitas cousas, seguramente demasiadas:
É o primeiro obradoiro de risografía en Santiago de Compostela, é unha mini editorial independente, é un estudio de ilustración, é un espazo cultural, é unha tenda…
Aínda que o lóxico sería que algo así estivese xestionado por 15 persoas, detrás de Espazo Boh só están dous amigables e inconscientes ilustradores: Raquel Montero e Simone Virgini.
Eles só querían debuxar e acabaron neste choio... pobriños!
w/ Liceo Mutante (♬) & Oficina Rúa (✎)
♬ O LICEO MUTANTE é un colectivo pontevedrés autónomo, autoxestionado e agora de novo ambulante. Desde 2011 propón a creación de espazos e situacións abertas á imaxinación cultural colectiva, á experimentación, á construción do común e á transformación social.
Nestes anos centos de concertos, proxeccións, feiras de autoedición, obras de teatro, charlas, presentacións e obradoiros colleron corpo neste laboratorio popular e fuxidío.
✎ Oficina del lat. Officīna, `obradoiro´.
Palabra derivada de `oficio´: ocupación ou profesión dunha persoa,
aquilo ao que te adicas para gañarse a vida, en especial relacionado con
traballos manuais e artesanais.
Rúa del lat. Ruga, `camiño´.
O nome Rúa fai tributo á coñecida Ferretería A Rúa que estivo situada
fai anos neste mesmo local e a rúa é o noso lugar de traballo cando
pintamos murais.
Oficina Rúa é un espazo de creación conxunta, venda de obra gráfica,
pintura e ilustración de Lúa Gándara, Nove Noel e Cestola.
Coma imaxe escollemos a chave, un obxeto cargado de simboloxía: para o
noso barrio de San Pedro, para o pobo palestino, vinculado con compartir
confianza e amizade.
KONRAD GMUREK (Live)
Nado en Polonia, Konrad Gmurek leva desde os anos 90 explorando as posibilidades do son electrónico, desde a cultura da demoscene ata a música experimental e as instalacións sonoras. Foi membro fundador de Aural Planet e tamén formou parte da banda de trip-hop Husky.
No seu directo, ambient, electrónica experimental e glitch mestúranse con técnicas de síntese, sampling e procesos xenerativos. Unha proposta aberta á improvisación, na que texturas, azar e precisión dixital se combinan para crear un set en constante transformación.
ATRIPLEA (Live)
Formación surxida por azar, que, coa morfoloxía do empedrado das rúas das vilas raianas, tende a ser restituida continuamente a través dunha estrutura improvisada e mutable. Andrés Real, Juait e Che Garrido xúntanse para celebrar o aniversario e para recordar que a calçada portuguesa sempre será mellor que o asfalto.
MARYSIELO (Live)
Entre o abisal e a beiramar, marysielo transita por paisaxes desenfocadas co slowcore e o ambient como vehículos, imaxinando pasados sonoros e presenzas inmateriais en campings e hoteis nun outono nas Rías Baixas.
CHAGO (Live)
Chago é o fundador de Códex Editora, que comezou en Berlín en 2018 como unha serie de eventos centrados na música experimental e no DIY, e que hoxe funciona como selo desde Galiza. As súas sesións constrúen paisaxes sonoras crúas, nas que a repetición, o minimalismo e certos elementos do folk se mesturan en formas hipnóticas e ritualísticas.
LA ISLA DEL TESORO (Dj)
Natural de Trubia (Oviedo) e afincado en Santiago de Compostela, La Isla del Tesoro Dj é archiconocido na cidade polo eclecticismo que caracterizan as súas sesións, tanto na variedade de estilos musicais como nos medios que utiliza para realizalas. Nas súas sesións non se centra exclusivamente na parte máis bailable da noite, se non que tenta tamén que o público aprecie só o escoitar a música, as diferentes capas de son ou simplemente unha bonita melodía.
LCTRCT (Dj)
Obsesionado polo vinilo como fonte de son, Pablo LCTRCT comezou as súas sesións en forma de atrevidos soundscapes caracterizados polo ruidismo, o afterpunk e a música experimental. Acuñou o concepto de “antiparty” exercendo de mestre de cerimonias en audicións performáticas cargadas de provocación onde se deixaba intuír a súa atracción por Merzbow, Hijokaidan e outros exemplos de música extrema.
Durante unha década estivo afincado en Berlín onde, ademais de atopar novos estímulos na práctica da improvisación libre, amplía a súa paleta sonora cara a outros territorios.
No 2022, de volta na súa Compostela natal, crea El Muelle 1931, unha plataforma vinculada ao negocio familiar que acolle propostas sonoras diverxentes coa vocación de distribuír tanto proxectos que nacen na súa contorna máis próxima, coma selos independentes e artistas internacionais pouco convencionais. Unha sensibilidade que lle leva a apostar especialmente por aquelas creacións que se desenvolven desde as marxes, músicas ocultas adicadas ao efémero da cultura «underground».
➤ Entrada de balde ata completar aforo
Chegade cedo para non quedar sen sitio!
ⓥ Petiscos veganos do Black Cat
♡ Art by the one and only Chago
(◉‿◉)
Follow us / Síguenos
Instagram - @elmuelle1931.shop
Facebook - @ElMuelle1931.shop
