EVENTOS │RETRATOS SONOROS ➤ El Muelle 1931 Shop (◉‿◉)

RETRATOS SONOROS

w/ Primitivo Eirís (♬) & Manuel Eirís (✎)

Sábado 06 Decembro | 18:00 - 20:00 h

📍  ElMuelle1931 Shop (Rúa de San Pedro, 57)

➤ Entrada de balde ata completar aforo

Este sábado non pechamos a tenda por un motivo moi especial: voltan os RETRATOS SONOROS, a nosa pequena celebración entre vinilos e lapises. Unha sorte de clube do disco ilustrado: un espazo pequeno, sen pretensións, para compartir música, conversar e deixar que os discos falen por nós.

Para esta segunda edición contamos cun convidado moi especial: Manuel Eirís, aka Primitivo Eirís aka Manuelítico. Él e o seu alter ego acompañarannos alternando capas de pintura cun repertorio de marabillas monoaurais, froito de centos de horas en mercadiños e rastrexos en cubetas de discos a un euro. Debullará unha selección de rock’n’roll primitivo e outros ritmos chatarreiros nas súas múltiples variantes e subxéneros: melodías casposas, orquestras despeiteadas, yeyeísmo ibérico, exótica de baixa fidelidade e ese ecosistema vibrante de ritmos salvaxes que che fan mover a cadeira.

E como parte do xogo de espellos entre creador e criatura, deixamos que se presente el mesmo:

"O pintor Manuel Eirís, sitúa a súa atención en contextos específicos, que metaforizan as impermanencias nas que entende que habitan os individuos, a través da análise das diferentes capas das que se compoñen. Na súa obra en xeral apréciase un interese polas operacións de desmantelamento e de apertura de espazos, mediante accións nas que importa tanto o retirado ou desprendido dos sitios, o dislocado, como o que a través destas accións descubrimos.
Pola contra, do prea Primitivo Eirís diremos que ten unha obsesión enfermiza pola música de chatarra, rosmar e un sono lúbrico a sinalar: que a xente deixe de grabar e publicar todo nos seus putos smartphones, especialmente cando van aos concertos, especialmente nos de garaxe e doutras chatarradas do estilo, especialmente nos que vai el, especialmente cando están diante do menda. Primitivo alias Manuelítico, (nomes estos que lle foron postos por un tal Pablo, alias LCTRCT alias Póllegro Enmascarado), nunca pretendeu metaforizar nada como Manuel Eirís, e moito menos analizar, senón só vivir cal carracha do traballo de M. Eirís, para que este lle siga mercando cantos máis monopatíns mellor. E o único retirado ou desprendido do seu sitio que ten son os seus miolos, que quedaron en 1993 (posiblemente disoltos nun litro de "auga bendita" do Bartolo, xunto cos de Pablo LCTRCT).
Hoxe poderedes asistir a unha sesión de pintura en vivo a cargo de Manuel Eirís, mentres que Primitivo tratará de amenizar semellante tostón con música de chatarra que só lle gusta a el, e a algún que outro/a retraseti coma el."
Pintura en vivo, discos xirando e o barrio de San Pedro convertido por unhas horas nun pequeno laboratorio onde o son se converte en imaxe e a comunidade segue a ser o mellor retrato posible.

Vémonos este sábado na tenda, a partir das seis.


───◎─────────────

♡ Art by the one and only Chago

(◉‿◉)

Follow us / Síguenos

Instagram - @elmuelle1931.shop
Facebook - @ElMuelle1931.shop

Leave a comment