EVENTOS │RETRATOS SONOROS ➤ El Muelle 1931 Shop (◉‿◉)

RETRATOS SONOROS

w/ Lucas (♬) & Nachovsky (✎)

Sábado 08 Novembro | 18:00 - 20:00 h

📍  ElMuelle1931 Shop (Rúa de San Pedro, 57)

➤ Entrada de balde ata completar aforo

Por fin inauguramos RETRATOS SONOROS, unha sorte de clube do disco ilustrado: un espazo pequeno, sen pretensións, para compartir música, conversar e deixar que os discos falen por nós. Un xogo de espellos entre o son e o trazo, entre quen escoita e quen debuxa. Unha tarde para desfrutar de música e ilustración na compaña das nosas veciñas nun refuxio de melómanos no barrio de San Pedro.

O primeiro convidado é Lucas, o noso cliente máis novo e un apaixonado dos Swans. Cunha curiosidade inesgotable, oído afinadísimo e cun gusto sorprendente para os seus 14 anos, móvese entre selos underground e edicións de casetes de baixa fidelidade como as de Afvikling, como se levase toda a vida explorando o ruído e a beleza da música feita nas marxes (o primeiro disco que mercou, pouco despois de cumprir dez anos, foi Lift Your Skinny Fists Like Antennas to Heaven de Godspeed You! Black Emperor). Ademais de Swans, na súa colección de vinilos aparecen nomes como Les Rallizes Dénudés, Boris ou Natural Snow Buildings. Dende o verán atopámolo nos eventos de Paisaxes Liminais, gozando de propostas pouco convencionais como as de Léa Roger, Bint Mbareh ou Vasco Alves, e contaxiándonos a súa ilusión por ver en directo a Irene Ivankovà, outra das súas artistas favoritas. Entre exames de 4º da ESO, aulas de batería e plans para aprender baixo de forma autodidacta, atopamos por fin un oco para que inaugure esta serie de encontros.

A súa parella neste diálogo sonoro será Nachovsky, o camarada que, xunto coa nosa querida Carla, trouxo ao barrio o activismo vegano e unha boa dose de amizade e creatividade. Ámbolos dous, están detrás do Black Cat, o café que abriron en San pedro, onde mesturan comida, ideas e arte. Despois de anos entre fogóns -primeiro en Londres e agora en Compostela- a pandemia devolveuno ao debuxo: entre cafés e Sharpies recuperou a man e a enerxía. Nacho é cociñeiro e activista, e por un día trocará as potas polos rotuladores. Por certo, ademais é debuxante de monstros. Si, monstros, que comezou a debuxar de neno, cando unha mestra lle dixo que o seu xeito de debuxar “non era normal” porque deixaba as orellas sen facer. Desde entón, especializouse en criaturas sen brazos e fourellas: así naceu a súa  "Armada dos sen brazo", un exército de seres torpes, divertidos e entrañables que hoxe xa forman parte do barrio. As súas criaturas aparecen agora en fanzines, pegatinas, paredes e mesmo nas bolsas do Black Cat, lembrándonos que a creatividade non entende de normas… nin de orellas.

Este sábado, a partir das seis, Lucas e Nacho compartirán espazo e inspiración na nosa tenda, reconvertida nun salón común onde partillar discos, ilustracións, ideas e risas: vinilos xirando, agullas riscando o silencio e liñas debuxadas ao ritmo da música.

Unha tarde para deixar que o son se converta en imaxe e que o barrio soe como un lugar onde a música e a comunidade seguen a ser o mellor retrato posible.

───◎─────────────

♡ Art by the one and only Chago

(◉‿◉)

Follow us / Síguenos

Instagram - @elmuelle1931.shop
Facebook - @ElMuelle1931.shop

Leave a comment