EVENTOS │RETRATOS SONOROS ➤ El Muelle 1931 Shop (◉‿◉)



RETRATOS SONOROS


w/ Colectivo A.F.C. (♬ ✎)

Sábado 20 Decembro | 18:00 - 20:00 h

📍  ElMuelle1931 Shop (Rúa de San Pedro, 57)

➤ Entrada de balde ata completar aforo

Este sábado celebramos a terceira edición de RETRATOS SONOROS, unha sorte de clube do disco ilustrado: un espazo pequeno, sen pretensións, para compartir música, conversar e deixar que os discos falen por nós. Un xogo de espellos entre o son e o trazo, entre quen escoita e quen debuxa.

Por primeira vez, o encontro ábrese á participación dun colectivo que, ademais da súa selección musical, propoñerá unha experiencia compartida arredor da autoedición, coa creación dun fanzine colaborativo que convidará a quen se achegue a debuxar, escribir e formar parte do proceso.

Unha tarde para deixar que o son se converta en imaxe e que o barrio soe como un lugar onde a música e a comunidade seguen a ser o mellor retrato posible.

Os convidados nesta ocasión son a AFC (Adversarios das Furnas de Corrubedo), un colectivo situacionista artístico e político fundado en 1974 en Santiago de Compostela. Tras uns primeiros anos moi activos tratando de dinamizar a vida cultural da cidade, os seus sete membros fundadores acabaron acusados de delitos de terrorismo e maleancia tras un atentado contra a tuna compostelana. Foron condeados ao cárcere dous deles e, aínda que as súas penas quedaron anuladas trala Lei de Amnistía de 1977, a actividade do grupo decaeu ata o ano 2023, no que resucitaron grazas a financiación derivada da especulación en criptomoedas. Nos seus eventos itinerantes –non teñen sede–, mesturan concertos con actividades complementarias como Murder Mystery Parties, combates de esgrima rimados ou concursos de karaoke. Entremedias adoitan pinchar música, sempre en vinilo, nunca en dixital. Os seus dezaoito membros, que permanecen no anonimato ocultos sempre tras máscaras de loitadores mexicanos –a excepción de Balbina, Paco Muelas, Bigotitos, Toñi "La puta" e Ana María Baudelaire, quenes tiveron que revelar as súas identidades, ás veces por vontade propia e outras por imposición legal ou relixiosa– teñen gustos tan eclécticos que nas súas pinchadas intercálanse o tropical grunge, o vapor rumba, o acid chotis, o cyber fado, o lo-fi ranchera, o barbecue jazz e o flamenco. Todos os sábados pinchan tamén nun pub underground da cidade (A Reixa).  

Para esta ocasión preparan, ademais dunha selección de cortes das súas coleccións, a elaboración dun fanzine colaborativo que se convertirá no número 10 do listado de autopublicacións realizadas polo colectivo ao longo destas décadas de traxectoria. Combinando escrita, debuxo e collage, calquera persoa poderá participar respondendo ás preguntas formuladas por estes Adversarios.


───◎─────────────


♡ Art by the one and only Chago

(◉‿◉)

Follow us / Síguenos

Instagram - @elmuelle1931.shop
Facebook - @ElMuelle1931.shop

Leave a comment